top html web site builder


foresta

Espazo de Aprendizaxe Activo na Natureza

Espazo Foresta


Un espazo onde nenos e nenas poden descubrir, experimentar, xogar e desenvolverse nun medio natural, cun ambiente relaxado de colaboración e respecto ás súas necesidades e ritmos.

Foresta é froito de anos de busca e aprendizaxe, nace da convicción de que son necesarios cambios fundamentais na crianza e na educación como base para un cambio cara a unha sociedade máis respectuosa. Pero sobre todo nace co obxectivo de ofrecer unha extensión do fogar onde os nenos e nenas poidan crecer libres, capaces, conscientes e FELICES.

Ó desenvolver o proxecto pedagóxico inspirámonos na Educación Activa, coa influencia que esta ten de Montessori, e na pedagoxía de Reggio Emilia, incluíndo tamén aspectos doutras liñas como Waldorf e as Escolas Bosque, todo isto no contexto do rural galego.

En marzo facemos unha xornada de portas abertas para aqueles interesados en coñecer o espazo, mantendo o prazo de matriculación aberto ata completar as prazas para setembro.

BUSCAMOS EDUCADORES que se ilusionen e comprometan co proxecto. 

Que facemos?

Mañás en Foresta

Nenas e nenos de 2 a 6 anos

Polas mañás os máis pequenos son os protagonistas, o espazo está deseñado pensando neles e son eles quen levan o timón do seu proceso de aprendizaxe e desenvolvemento. 

Tardes en Foresta

Obradoiros e Actividades para nenos e maiores

Polas tardes Foresta ábrese a obradoiros e actividades con temáticas variadas para toda a familia; música, danza, pintura, ioga, nutrición e cociña, costura creativa, grupo de crianza, lactancia, etc. ¡Contacta connosco se tes algunha proposta interesante!

Campamentos e Obradoiros

Traballo por proxectos

Nenos e nenas a partir de 6 anos poden desfrutar do espazo durante as súas vacacións escolares; Facemos campamentos e obradoiros multidisciplinares para traballar por proxectos, xogar e aprender na natureza.

O Espazo

O Espazo Foresta está situado en Vincios, nun enclave privilexiado entre o monte Alba e o Galiñeiro.
Estamos moi ben conectados con Vigo, Gondomar, Nigrán, Baiona e Porriño.
Tanto o interior como o exterior do Espazo Foresta están pensados para que nenos e nenas convivan, xoguen, exploren e descubran xuntos do modo máis autónomo posible. Eles deciden as actividades e proxectos que queren levar a cabo segundo os seus intereses en cada momento.

Exterior

O espazo exterior consta duns 5.000 m2 de finca, cunha zona chaira duns 2.000 m2, e outra máis escarpada de bosque, que ofrece infinitas posibilidades de rutas e actividades sen saír do espazo Foresta, **que linda co monte comunal que desemboca no Alba. Os nenos teñen árbores polas que trepar, material para apañar e mil recunchos onde dar renda solta á imaxinación e ó xogo.

Os nenos tamén participan dos cambios que se producen no medio; fomentaremos o crecemento das especies autóctonas como o Carballo e o Castiñeiro, crearemos un horto, un areeiro, comedeiros de paxaros... Xuntos aprendemos a coidar do noso medio.
.

Interior

Deseñamos o espazo interior coidando cada detalle, empregando tons neutros e materiais naturais de calidade, buscando espazos amplos e diáfanos que poidan ser adaptados segundo as necesidades cambiantes do grupo.

O interior é a planta baixa dunha casa de pedra antiga, 150 m2 divididos en 3 grandes estancias con ambientes preparados para fomentar a autonomía e creatividade. A primeira estancia conta con distintas áreas temáticas e de exploración, a segunda está máis enfocada á psicomotricidade, música e movemento, e a terceira é a cociña, un área con infinitas posibilidades de aprendizaxe e manipulación, onde se fomentan hábitos saudables de alimentación que comezan polo traballo na horta e rematan no prato.
 

Os piares do proxecto Foresta

Nenas e nenos

Cada neno é único. Cada neno ten un proceso único de aprendizaxe e desenvolvemento, unhas necesidades e un modo particular de comunicalas.

Os primeiros anos de vida do neno son fundamentais no desenvolvemento da súa personalidade; aportándolle un ambiente de amor, respecto e confianza onde poida dar renda solta á súa creatividade e explorar os seus intereses libremente, fomentamos a súa autoestima, axudámoslle a crecer con valores como o respecto e a empatía, a desenvolver a súa propia personalidade e a sentirse capaz de facer calquera cousa que se propoña.

Educadores

O educador ten a labor de escoitar, observar e acompañar ao neno, respectando os seus ritmos e o seu desenvolvemento, interferindo o mínimo posible; no día a día fomenta un ambiente relaxado de cooperación e empatía.

Os educadores están eles mesmos nun constante proceso de evolución e aprendizaxe, creando novos materiais e podendo propoñer actividades ou proxectos de participación voluntaria que consideren que poden responder ás necesidades detectadas a través das súas observacións dos nenos e nenas.

Familias

É moi importante que exista unha estreita relación entre o proxecto e as familias; para iso foméntase unha comunicación bidireccional constante e a implicación das familias no traballo cos nenos.

Ademais queremos que pais e nais tamén poidan beneficiarse do espazo para levar a cabo o seus proxectos, que se sintan parte do proxecto Foresta e aporten para darlle forma e melloralo día a día, poñendo o seu granito de area neste soño compartido.

Comparte a nosa páxina web e séguenos en facebook: @espacioforesta
¡¡Grazas!!